Comunistas da Galiza: Candidatura de Unidade Comunista

Obreiros e obreiras, traballadores e traballadoras, desempregados e desempregadas, comerciantes, estudantes, mulleres, inmigrantes:

HAI QUE COMBATER A POLÍTICA CRIMINAL E BÁRBARA DO CAPITAL.

Convócanse as eleccións do 21-O nun escenario de retroceso dos dereitos básicos e condicións de vida do pobo traballador. O previsíbel rescate que se aveciña profundará na liña de destrución das condicións de vida e de traballo, intensificación da explotación, xornadas laborais de 13 horas de luns a sábado acompañadas de diminución de salarios e un empeoramento continuado das condicións de vida, paro, miseria, explotación e pobreza, roubo de vivendas, liquidación dos servizos básicos de primeira necesidade, carestía, negación do acceso á sanidade e á educación das clases populares. Ese é o futuro que promete o capitalismo.

Fronte a esta orde de cousas os e as comunistas afirmamos que só a organización do pobo traballador baixo a dirección da clase obreira, unindo as loitas parciais e sectoriais nunha fronte unificada baixo un programa común de mobilización sostida, coa Folga Xeral como ferramenta fundamental, será quen de quebrar a ofensiva antipopular da oligarquía e acumular forzas cara o derrocamento dun sistema esgotado -o capitalista- que xa non reserva máis que barbarie, miseria e violencia á clase obreira e aos sectores populares.

O capitalismo non se pode humanizar.

As políticas de ataque á clase obreira estiveron e están a ser aplicadas desde os gobernos da oligarquía, tanto os da dereita liberal como os da socialdemocracia, e tamén apontoadas pola colaboración cómplice das diversas "esquerdas" reformistas cooptadas polo sistema de dominación para fomentar falsas ilusións de saída sen racharmos co sistema de explotación.

O neoliberalismo e a subordinación da economía produtiva á especulación financeira parasitaria son as únicas formas posíbeis de existencia do capitalismo nesta actual etapa do seu desenvolvemento, ou da súa descomposición. Non son unha opción senón unha necesidade do capitalismo para sobrevivir aínda algún tempo máis como modo de produción e como sistema de explotación.

É ilusorio, e un engano, na actual situación de agudización da loita de clases, diluír en chamamentos vagamente cidadanistas, patrióticos e interclasistas o papel protagónico e dirixente que corresponde á Clase Obreira na necesaria confrontación que se aveciña.

A defensa dun programa revolucionario é incompatíbel coa colaboración de clase e coa defensa da Unión Europea e das estruturas imperialistas. A loita precisa obxectivos concretos que só poden ser conquistados pola forza da Clase Obreira en alianza co resto das clases populares nunha fronte de loita común contra a burguesía e o poder dos monopolios.

O único voto útil é o voto comunista.

A democracia burguesa é unha forma concreta de organizarse a Ditadura do Capital, da cal a Clase Obreira non pode agardar nada. Non goberna o pobo, senón o capital e a oligarquía. Ese sempre ten sido e é o seu carácter. Baixo a democracia burguesa cambian os gobernos mais non cambia a esencia e a natureza de clase do propio estado.

A alternancia no poder dun grupo limitado de partidos que oscilan entre o centro esquerda e o centro dereita, así como partidos bisagra situados no campo da esquerda reformista, garanten a gobernabilidade e o consenso social. Crean o clima propicio para administrar e desenvolver os negocios da burguesía.

Hoxe o que precisa a Clase Obreira é rachar ese marco e non reformalo.

O voto comunista é un voto por e para a Clase Obreira, pola defensa dos seus intereses tanto inmediatos como futuros.
  • Un voto pola unidade de clase e contra a explotación e o capitalismo.
  • Un voto de castigo contra os partidos do sistema tanto da dereita como da chamada esquerda que levan a cabo duros recortes dirixidos contra os dereitos e as conquistas dos traballadores e traballadoras.
  • Un voto pola saída da Unión Europea e do euro.
  • Un voto contra todo tipo de pago por parte do pobo da débeda contraída polos gobernos do capital comprometidos no camiño da construción da Europa do  capital.
  • Un voto pola fraternal unión da loita de todos os traballadores e traballadoras.
  • Un voto contra o imperialismo e contra as súas guerras de conquista e rapina.
  • Un voto pola paz a liberdade e a soberanía dos pobos.
  • Un voto contra o multimillonario gasto militar a onde se destinan aqueles mesmos cartos que se lle negan á satisfacción das necesidades básicas do pobo.
  • Un voto contra o réxime monárquico da oligarquía, pola república socialista e pola autodeterminación dos pobos.
  • O voto para Comunistas da Galiza é o único voto de futuro.

As e os comunistas afirmamos que só mediante a loita e a organización da Clase Obreira e as clases populares será posíbel facer reverter as consecuencias da crise, sobre as costas dos capitalistas e non do pobo. Esta loita debería situar como eixes prioritarios da súa acción inmediata:

Facer que a crise a paguen eles


  • Exencións tributarias e de taxas públicas para traballadoras e traballadores desempregados. Medidas fiscais de gravación sobre os grandes beneficios, rendas, patrimonios e fortunas, con aplicación de tipos máximos en todos os impostos directos, aplicábeis sobre as SIVs e transaccións e investimentos financeiros. Establecemento dun tipo único reducido do IVE sobre os produtos e servizos esenciais en alimentación, saúde e farmacia, educación, cultura, transporte, etc. Aplicación de tipos máximos de IVE sobre artigos e servizos de luxo. Medidas para o combate da economía somerxida e a fraude fiscal, prohibición de transferencias a paraísos fiscais e investimentos dirixidos á actividades especulativas.
  • Eliminación de todas as peaxes nas autopistas.
  • Supresión de axudas públicas ás grandes empresas e multinacionais de capital privado (subvencións, rebaixas fiscais, etc).
  • Restitución dos depósitos investidos por pequenos aforradores afectados pola fraude na subscrición de accións preferentes, con incautación dos bens aos responsábeis e aos directivos das entidades implicadas.
  • Eliminación das externalizacións por parte das administracións e empresas públicas, supresión de calquera tipo de subcontratación, e contratación laboral directa para calquera tipo de obra ou servizo.
  • Supresión dos soldos e vitalicios aos políticos e ex-altos cargos.
  • Tarifa progresiva por rendas dos servizos de subministración de electricidade e auga sen regularizacións e recargas impositivas. Política de aplicación de prezos especiais por estes abastecementos ás empresas produtivas estratéxicas a nacionalizar.

Socialización dos medios de produción

  • Nacionalización de todas as empresas pertencentes a sectores estratéxicos da economía (banca, bens de equipo, transportes, comunicacións, enerxía, minería, etc) e xestión baixo dominio público dos recursos naturais.
  • Nacionalización e retorno ao sector público das empresas privatizadas no pasado.
  • Creación e potenciación dun sector mixto público-cooperativista, en empresas de menos de 100 traballadores e traballadoras.
  • Dirección e intervención pública na economía. Planificación da actividade e o desenvolvemento económico e ampliación do sector público, priorizando a actividade produtiva e industrial, a creación de emprego estábel e a satisfacción real das necesidades do pobo traballador.
  • Plans públicos de investimentos en industrialización, e investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Saúde e benestar do pobo

  • Por unha sanidade pública, universal, integral, avanzada e garantida.
  • Prohibición da actividade privada, así como relixiosa, no sector sanitario. Fornecemento de recursos e ampliación dos servizos da atención primaria e especializada da sanidade pública.
  • Servizos sociais de plena gratuidade, destinados ao benestar das persoas da terceira idade, das doentes con enfermidades crónicas e raras, das dependentes e incapacitadas físicas e psíquicas.
  • Gratuidade do sistema sanitario en todos os ámbitos e niveis da atención asistencial.
  • Plano de atención médica sexual-reproductiva. Aborto libre e gratuíto.
  • Recoñecemento dos dereitos do paciente con relación a unha morte digna, recoñecemento do dereito a eutanasia.
  • Investimento en investigación e desenvolvemento científico-técnico nas áreas médico-sanitaria e farmacéutica. Creación dunha industria farmacéutica pública. 

A educación e a cultura non son un negocio

  • Unha educación pública, universal, laica, democrática, científica, popular, gratuíta  e de alta calidade para os fillos e fillas das traballadoras e traballadores.
  • Reforma completa do sistema educativo, sobre a base dun tronco único integral do ensino.
  • Prohibición da actividade privada e relixiosa no sector educativo, nacionalizando e transferindo ao sector público os centros, infraestruturas e recursos económicos e materiais.
  • Pola defensa e plena institucionalización da lingua nacional e da cultura obreira e popular.
  • Impulso polo Poder Obreiro de todas as expresións culturais e artísticas emanadas da iniciativa do pobo traballador.

Por unha vivenda digna

  • Suspensión de desafiuzamentos e lanzamentos xudiciais. Condonación dos cretos e débedas hipotecarias das familias traballadoras en situación de desemprego e insolvencia.
  • Creación dun Parque Público de Vivenda cos inmobles baleiros intervidos ao sector bancario e inmobiliario, en réxime de aluguer ou usufruto.

Na defensa da Terra e do Mar

  • Coa saída da UE, cesarán as limitacións e cotas impostas que hoxe pesan sobre os sectores produtivos e extractivos do agro e da pesca.
  • Constitución de Cooperativas de produtores participadas polo Poder Obreiro, adscritas ao réxime xeral, que organicen e desenvolvan a actividade económica en todos os subsectores, que xunto a un plan sectorial de industrialización, garanta o peche dos ciclos de produción e distribución. Creación dun grupo público lácteo galego e nacionalización das grandes empresas monopolistas pesqueiras, conserveiras e agrogandeiras.
  • Recuperación dos caladoiros litorais. Potenciación da acuicultura e da silvicultura desde os recursos autóctonos.
  • Plan xeral integral de redución do impacto medioambiental da produción e o consumo. Ampliación dos territorios protexidos e das figuras de protección. Potenciación das fontes de enerxía renovábeis na perspectiva da autosuficiencia e substitución do consumo de combustibles fósiles.

Todo para a Clase Obreira

  • Derrogación de todas as reformas lexislativas actuais e precedentes en materia laboral e de seguridade social (emprego, contratación, cotizacións, pensións, prestacións, etc.) regresivas das conquistas sociais e contrarias aos intereses e dereitos das clases traballadoras.
  • Xornada laboral de 35 horas semanais. Prohibición de realización de horas extraordinarias de carácter habitual ou estrutural. Obrigatoriedade de contratación para a plena cobertura de quendas e cadros de persoal en todas as empresas, administracións e servizos públicos e privados.
  • Salario Mínimo Interprofesional equivalente á media UE9 (os nove estados con maior contía, dentro dos que o teñen regulado, aproximadamente 1.100 euros), como referencial retributivo xeral e intersectorial, e sobre a base comparativa do peso do PIB do Estado Español no contexto europeo e a desproporción entre as rendas do capital e as do conxunto dos traballadores e traballadoras.
  • Igualdade salarial real e garantida por lei entre home e muller.
  • Subsidio por desemprego, universal para todas as persoas desempregadas non perceptoras de prestacións, de duración indefinida, e en contía do SMI, con complementos por cargas familiares.
  • Plans públicos de formación interprofesional permanente para todos os traballadores e traballadoras desempregadas.
  • Servizo público de emprego, con capacidade efectiva de colocación, inserción, formación e reciclaxe laboral. Desaparición das ETTs e dos servizos privados de contratación, emprego e formación ocupacional.
  • Control sindical da contratación, revalidación legal no rexistro dos contratos de traballo, ampliación dos medios e competencias dos servizos públicos de inspección laboral e dos representantes legais dos traballadores e traballadoras.
  • Modelo único de contrato laboral indefinido ordinario, con 45 días de indemnización por ano.
  • Supresión de calquera exención, bonificación ou redución das cotizacións sociais e de financiamento dos custes do despedimento con diñeiro público, ás empresas privadas.
  • Xubilación aos 60 anos.

Polo poder obreiro e o socialismo

Os intereses dos obreiros e obreiras, dos traballadores e traballadoras en xeral, autónomos, campesiños, mariñeiros, dos pequenos comerciantes… só poderán ser satisfeitos dende puntos de partida diametralmente opostos á lóxica capitalista. A anarquía na produción debe ser substituída pola planificación económica enfocada cara á satisfacción das necesidades populares e polo desenvolvemento e o progreso do conxunto da sociedade, abolindo a propiedade privada capitalista sobre os medios de produción.

O camiño do poder obreiro e popular é o único capaz de garantir:
  • O pleno emprego, o dereito a vivenda, unha educación e unha sanidade públicas así como unha vida digna para o conxunto da sociedade.
  • As plenas liberdades sociais e políticas para a Clase Obreira e as clases populares.
  • O dereito inalienábel á autodeterminación.
  • A creación de novas institucións de participación popular verdadeiramente democráticas e representativas dos intereses obreiros e populares.

Só hai dous camiños, ou a miseria, a pobreza e a explotación á que nos conduce a barbarie capitalista ou o camiño do Poder Obreiro e Popular.




CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO !!! 
OU ELES OU NÓS !!! 
Vota Comunista
VOTA CLASE OBREIRA
VOTA COMUNISTA